Un obradoiro de lectura e escritura para nenos e nenas de 5.º e 6.º de Primaria, en Lugo.
Unha tarde á semana, noventa minutos, nun grupo de cinco a oito. Lemos en voz alta, falamos do lido e escribimos. Sen présa.
Avísame cando abra un grupo Ou descarga a guía para ler na casa
Ler converteuse nunha tarefa máis.
As tardes van con présa: o cole, as extraescolares, a cea, os deberes. No medio, ler acaba sendo outra cousa que hai que facer. Rematar o libro. Unha páxina antes de durmir, porque toca.
E a quen xa le moito adoita faltarlle outra cousa: alguén con quen falar do que le.
Non é culpa de ninguén. Case todo, arredor, vai á présa. Lentocuento aparta noventa minutos á semana para ler e escribir sen présa, con outros.
Noventa minutos, así
Chegada
10 minDevolvemos os libros prestados e escollemos outros da caixa do obradoiro. Cada quen follea ao seu aire.
Lectura en voz alta
15 minLeo eu: un conto, un mito, un poema ou un capítulo da novela que seguimos semana a semana. Só hai que escoitar.
Conversa
20 minFalamos do lido: que gustou, que non, que desconcertou, que se parece a outra cousa. Non hai respostas correctas, e quen non quere falar, pasa.
Pausa
5 minLevantámonos, bebemos auga, movémonos.
Escritura
20 minUn xogo para escribir, moitas veces saído da conversa: contar a historia desde outra personaxe, levar un conto a Lugo, inventar a partir de dúas palabras ao chou.
Lectura en silencio
15 minCada quen co seu libro. Eu tamén leo.
Peche
5 minQuen quere le o que escribiu ou recomenda un libro ao grupo.
Os tempos son orientativos. Se unha conversa merece máis tempo, dámosllo. Algunhas sesións cambian de forma, por exemplo para lermos entre todos unha obra máis difícil.
A que me comprometo
- Como moito, oito nenos. O mesmo grupo e a mesma tarde durante todo o curso.
- Ningún libro é obrigatorio. Pódese deixar un á metade e escoller outro.
- Ninguén le en voz alta nin ensina o que escribe se non quere.
- Sen notas, sen deberes e sen correccións en vermello.
- Sen pantallas durante a sesión. Tampouco a miña.
- O que escriben é seu. Non llo ensino a ninguén sen o seu permiso: se quere, ensínavolo el ou ela.
- Nunca falo dun neno diante doutros nenos nin doutras familias.
- Se algo me preocupa, dígocho en privado.
Lentocuento non é unha terapia nin un reforzo escolar, e non promete resultados. Promete unha tarde á semana de lectura, conversa e escritura.
O que se leva para a casa
- Un caderno seu, escrito a man.
- Libros prestados da caixa do obradoiro, sen fichas nin resumos.
- Ao final do curso, unha antoloxía impresa con textos de todo o grupo.
- E o que queira contarvos. Ás veces falaravos do que leu e ás veces non: tamén iso é seu.
Quen o leva
Son Tomás Magaña. Son pai, así que coñezo esas tardes con présa por dentro.
Levo máis de vinte anos traballando con textos: como xornalista, como profesor universitario de Lingua e Literatura e agora como corrector de novelas. Tamén escribo ficción, e fun monitor de tempo libre.
Son doutorando en Literatura Hispanoamericana pola UCM. Investigo como a literatura nos axuda a construír quen somos.
Lentocuento é un proxecto novo, e os grupos lévoos sempre eu. A forma de traballar sae de autores que levan décadas pensando en como un neno se fai lector, como Aidan Chambers, Gianni Rodari ou Teresa Colomer. Explícoa en Como traballo.
Como apuntarse
Déixame o teu correo
E as tardes que che virían ben. Non é un compromiso nin un pagamento.
Escríboche cando haxa grupo
Co día, a hora e o lugar, para que decidas con calma.
Reservas a praza
Se vos encaixa. E se despois non vos convence, podedes darvos de baixa avisando con quince días.
O práctico
- Para quen
- Nenos e nenas de 5.º e 6.º de Primaria.
- Grupo
- De cinco a oito participantes.
- Cando
- Unha tarde á semana, noventa minutos. O día, a hora e a data de inicio fíxanse coas familias apuntadas.
- Onde
- En Lugo. O lugar exacto comunícollelo ás familias apuntadas cando se forme o grupo.
- Lingua
- En galego ou en castelán, segundo o grupo.
- Prezo
- 55 € ao mes, en efectivo ou por Bizum. Inclúe o material, o préstamo de libros e unha copia da antoloxía impresa.
- Baixa
- A final de mes, avisando con quince días.
Preguntas frecuentes
Fai falla que lea moito?
Non. Boa parte da lectura fágoa eu en voz alta, e na caixa do obradoiro hai libros para todos os gustos e niveis.
E se xa le moitísimo?
Atopará libros que quizais non coñece e, sobre todo, outros nenos con quen falar do que le.
E se non lle gusta escribir?
As propostas son curtas e funcionan como xogos. Ninguén ten que ensinar o que escribe.
Que se le?
Contos, mitos, poesía, novela gráfica e novela. Escólloos para cada grupo: parto do que lles interesa e busco libros que den para falar.
Hai que mercar libros?
Non. Os textos da sesión lévoos eu, e os libros da caixa préstanse.
En que lingua é?
Cada grupo funciona nunha lingua, galego ou castelán. No formulario podes indicar a túa preferencia.
Por que só 5.º e 6.º?
Porque a esa idade xa len e escriben con soltura e poden seguir unha historia longa. Se hai familias interesadas, abrirei grupos doutras idades: podes indicalo no formulario.
E se ten dificultades de aprendizaxe ou de atención?
Lentocuento non é un apoio especializado nin o substitúe. O grupo pequeno permite adaptarse a cada quen, pero se hai algunha dificultade, mellor que o falemos antes. E se durante o curso vexo algo que me preocupa, direicho en privado.
Que pasa co móbil?
Durante a sesión, os móbiles quedan nun cesto á entrada, tamén o meu. Se xorde unha urxencia, atendese a chamada, por suposto.
Como saberei como lle vai?
Non hai notas. Falamos cando queiras: por correo, á entrada ou á saída, ou con calma se pides unha reunión. Cóntoche que le, que escribe e como está no grupo.
Como se paga e como se deixa?
Por meses, en efectivo ou por Bizum. A cota é a mesma se o mes ten catro sesións ou cinco; se polos festivos só ten tres, ao mes seguinte pagas 10 € menos. Pódese deixar a final de mes, avisando con quince días.
Que pasa cos datos e os textos?
Na web só pido datos da persoa adulta e o curso do neno ou a nena. Os textos dos nenos só se publican na antoloxía impresa do grupo, co seu permiso e o da familia.
Avísame cando abra un grupo
Sen compromiso e sen pagamento. Escríboche cando haxa grupo, co día, a hora e o lugar, para que poidas decidir se che encaixa.
Xa case está. Revisa o teu correo e preme a ligazón da mensaxe que acabo de enviarche para confirmar o teu enderezo. Despois escribireiche cando abra un grupo.
Ler na casa sen que sexa outra tarefa
Unha guía breve, en PDF e de balde, con seis ideas para acompañar a lectura dun neno ou dunha nena de 10 a 12 anos sen convertela nun deber. Envíocha ao correo.
Xa case está. Revisa o teu correo e preme a ligazón para confirmar o teu enderezo. Despois chegarache a guía.
Vés dun colexio, dunha biblioteca ou doutro grupo?
Tamén preparo obradoiros para colexios, ANPAs, bibliotecas e concellos, e grupos de lectura e escritura para persoas maiores, adultos e empresas.